Pontevedra 2026

IES Valle Inclán

Tras os seus recentes traballos de rehabilitación, abrimos as portas dunha das institucións educativas máis senlleiras de Galicia: o IES Valle Inclán. Un maxestoso edificio ecléctico deseñado polos arquitectos Joaquín Rojí e José Lorite a comezos do século XX. Un lugar onde exerceron o seu mestrado personalidades tan sobresaíntes como Castelao, Losada Diéguez, Filgueira Valverde ou o mesmo Javier Domínguez, primeiro batería de Los Suaves.

Convento de San Francisco

Conta a tradición que o propio San Francisco fundou este convento, que rapidamente se converteu no máis importante de Pontevedra, escollido como panteón polas principais familias nobres da Boa Vila. Unha igrexa gótica maxestosa, o sartego do escritor e navegante Paio Gómez Chariño, un claustro magnífi co e outras sorpresas son só algúns dos tesouros que agocha este cenobio.

Facultade de Belas Artes

No lugar que ocupou a Real Casa da Mestranza do século XVII, ergueuse a comezos do século XX o cuartel de san Fernando, deseñado polo enxeñeiro Bonifacio Menéndez Conde. En 1994, os pinceis substituíron definitivamente os fusís ao converterse na actual facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Café Moderno Afundación Pontevedra

O Café Moderno, hoxe tamén sede da Obra Social ABANCA, constituíu un dos epicentros culturais vital na Pontevedra da primeira metade do século XX. Foi o lugar de encontro de galeguistas ilustres como Bóveda ou Castelao, e de pintores da talla de Carlos Sobrino ou Laxeiro. A exemplar restauración de Álvaro Siza logrou conservar intacto o espírito Art Nouveau do seu interior.

Imprenta Peón – Pazo de gago e montenegro

Unha vivenda conxelada no tempo. Unha das visitas máis especiais e fugaces da Semana do Patrimonio Invisible de Pontevedra.
Na praza do Teucro, cun impresionante brasón presidindo a fachada, o Pazo de Gago e Montenegro acolleu na súa planta baixa a histórica Imprenta Peón até decembro de 2024, tras máis dun século de actividade. No seu interior gárdanse tipografías e maquinarias que se remontan ao século XVIII. No primeiro andar, o lugar que serviu de almacén da Imprenta, conserva o espírito dunha vivenda burguesa de comezos do século XX.

Churruchaos Nº2

O pazo dos Churruchaos foi un dos mellores exemplos de arquitectura civil medieval da cidade de Pontevedra. Hoxe xa non queda nada, e os seus restos repartíronse por diferentes lugares. Nesta visita recuperamos a memoria deste edificio a través da vivenda de Churruchaos nº2, un edificio municipal recentemente rehabilitado seguindo o proxecto da arquitecta Magdalena Portela, no que a luz cobra un especial protagonismo.