Convento de Santa Clara
As ordes mendicantes, como as clarisas, adoitaban situar os seus cenobios fóra das murallas. A este convento, pechado desde 2017, mandaban moitas familias fidalgas ás súas fillas solteiras. O seu interior garda inmensos tesouros como a igrexa de estilo gótico oxival, unha singular ábsida poligonal e un espectacular retablo churrigueresco.
Cemiterio de Santo Amaro
A cidade dos mortos de Santo Amaro reflicte a través dos seus monumentos funerarios un anaco da historia da cidade dos vivos de Pontevedra. Mensaxes agochadas, simboloxías sorprendentes e historias descoñecidas que artellan un relato alternativo da cidade nos últimos 138 anos.
Pazo de Mugartegui
O pazo de Mugartegui é un dos mellores exemplos de arquitectura civil barroca de Pontevedra. A súa incomparable silueta foi retratada polos pinceis dos máis importantes artistas pontevedreses. Na visita viaxaremos polas diferentes estancias ás orixes e vicisitudes deste singular edificio construído a finais do século XVIII como residencia para José Manuel Valladares y Figueroa.
Colexio Sagrado Corazón de Placeres
Edificio de historia apaixonante ligado a Montero Ríos. Construído polo político como pavillón de convidados, converteuse despois no Gran Hotel de Baños de mar dos Placeres e finalmente pasou a ser un centro educativo. A súa impoñente arquitectura é unha lembranza de cando Lourizán era un dos centros políticos e turísticos de Galicia.
Villa Pilar
Extraordinario exemplo de arquitectura ecléctica construída polo indiano Manuel Martínez Bautista a comezos do século XX. Unha reixa de forxa, un recollido xardín con palmeiras, uns dos primeiros balcóns realizados en formigón, balaustrada de estilo inglés e unha escalinata única en mármore de Carrara son algunhas das sorpresas deste palacete.