Compostela 2025

ESCAVACIÓNS DA CATEDRAL

Baixo o chan da catedral agóchanse as orixes da cidade apostólica. Unha experiencia única para camiñar sobre as camadas superpostas de historia, que nos mostran a evolución do “Locus Sanctus” a través dos seus camposantos, da cerca de Cresconio e dos primeiros templos dedicados ao fillo do Trono.

PAZO ARCEBISPAL

Facendo ángulo coa porta da Acibechería localízanse as dependencias do pazo arcebispal, antigamente coñecido como o “provisorato”, hoxe sede da curia. Tras a súa fachada decimonónica agóchanse algunhas sorpresas como a espectacular escaleira de honra que comunica coa cámara arcebispal.

TEATRO PRINCIPAL

Aínda que non hai unha persoa de Santiago que non asistira a un espectáculo no Teatro Principal, son menos as que puideron acceder aos seus espazos agochados e descubrir
a súa curiosa historia desde a súa inauguración en 1841.

CASA DA PARRA

A fermosa fachada barroca desta casa é un emblema na praza da Quintana. Pero, que agocha esta xoia arquitectónica? Un percorrido polo seu interior permitiranos
coñecer os seus espazos e as sorprendentes descubertas arqueolóxicas realizadas con motivo da súa rehabilitación.

MANANCIAIS DE COMPOSTELA

Baixamos ás profundidades da terra para adentrarnos nos antigos mananciais de auga das fontes históricas da cidade medieval da Fonte Branca e Ponte Mantible. Unha experiencia inesquecible.

CEMITERIO E CAPELA DO ROSARIO

No interior de San Domingos de Bonaval visitaremos e coñeceremos a capela e o cemiterio desta institución, fundada hai máis de 500 anos e peza fundamental da Semana Santa compostelá.

COLEXIATA DO SAR

Unha das arquitecturas máis sobranceiras do románico compostelán abre as súas portas para amosar a singular beleza dos seus muros e piares inclinados, a impresionante colección de sartegos medievais e outras sorpresas.

AUDITORIO DE GALICIA

Entramos nas partes menos coñecidas deste edificio deseñado polo estudio de Julio Cano Lasso en 1988. De carácter urbano e pechado cara á Praza do Burgo das Nacións, ábrese á natureza no Parque da Música. O volume dominante do escenario reflíctese nunha lámina de auga, converténdose nun potente referente visual da cidade.

CSC DA TRISCA

Nun terreo moi estreito, érguese este emblema da arquitectura contemporánea na cidade, obra do neoiorquino John Hejduk, xunto a un equipo formado por Antonio Sanmartín, Elena Cánovas e Leonardo Rietti.

COMPAÑÍA DE MARÍA

Coñecido como “A Ensinanza”, este foi o primeiro centro de Galicia dedicado á educación feminina e un dos colexios máis antigos de Compostela. Polas súas aulas pasaron xeracións de santiaguesas e santiagueses, pero o seu interior segue a ser un gran descoñecido na cidade.

VISITA SECRETA

Nesta visita o público inscríbese sen saber onde nos vai levar a guía. Nesta terceira ocasión, entramos baixo as escaleiras da praza da Quintana. Alí agóchanse os arranques da cabeceira gótica da Catedral de Santiago que nunca chegou a concluírse.