Colexio Sagrado Corazón de Placeres
Edificio de historia apaixonante ligado a Montero Ríos. Construído polo político como pavillón de convidados, converteuse despois no Gran Hotel de Baños de mar dos Placeres e finalmente pasou ser un centro educativo. A súa impoñente arquitectura é unha lembranza de cando Lourizán era un dos centros políticos e turísticos de Galicia.
Arquivo Histórico Provincial
O edificio, de características eclécticas, que hoxe alberga o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra construírono no ano 1910 os Fonseca, familia que parece vinculada aos grupos teosóficos e masónicos que existían na cidade na época. En 1955 a casa foi adquirida polo Ministerio de Educación Nacional e adaptada para funcionar como arquivo e biblioteca, formando parte desde 1989 do Sistema de Arquivos galego, cuns fondos históricos que abranguen desde o século XV ata a actualidade.
Depósito e Cemiterio de Santo Amaro
No último cuarte do século XIX, Pontevedra consolídase como capital comarcal e moderniza o seu urbanismo. Alejandro Rodríguez Sesmero proxectou as obras arquitectónicas máis importantes nesta renovación, na que sobresaen as actuacións no barrio de Santo Amaro: o gran depósito de auga construído en 1886 e o cemiterio municipal, inaugurado en 1882, que alberga sepulturas e simboloxía funeraria desde a época burguesa ata hoxe en día.
Xardíns de Lourizán
Os xardíns de Lourizán, que ocupan unha superficie de 52 hectáreas, conteñen especies dos cinco continentes e foron plantadas ao longo de máis de 130 anos. De entre todas elas destacan o cedro do Líbano, os castiñeiros xaponeses e o olmo holandés, así como un gran conxunto de magnolias e camelias. A área está salpicada de pequenas edificacións como un pombal, un hórreo, un lagar, estanques, fontes e escaleiras. De entre todos estes elementos destaca o monumental invernadoiro de ferro e cristal.
Villa Pilar
Extraordinario exemplo de arquitectura ecléctica construída polo indiano Manuel Martínez Bautista a comezos do século XX. Unha reixa de forxa, un recollido xardín con palmeiras, uns dos primeiros balcóns realizados en formigón, balaustrada de estilo inglés e unha escalinata única en mármore de Carrara son algunhas das sorpresas deste palacete.