Pazo de San Lourenzo
En orixe Mosteiro de San Lourenzo de Trasouto, complexo de edificios monásticos que sufrindo varias modificacións transformouse en inmoble de uso privado, Pazo de San Lourenzo, a partir da desamortización de Mendizábal. Monumento nacional desde 1979 agocha salóns, tapices e impresionantes xardíns.
Colexio Maior e Igrexa de Santo Agostiño
Entre o bule bule da Praza de Abastos descubrimos este complexo inmoble cunha igrexa de ampla historia, un claustro barroco oculto e unha sorpresa final agochada na súa biblioteca que poucos usuarios coñecerán.
Hostal dos Reis Católicos
Visitaremos o Hospital Real creado para albergar camiñantes que se dirixían en peregrinación a Compostela, convertido en hotel de luxo con cinco séculos de antigüidade, onde coñeceremos os seus fermosos claustros, capela renacentista e outras sorpresas agochadas entre os seus muros.
Pazo de Raxoi
Na nosa visita descubriremos salóns, escaleiras e estancias que atesouran parte importante da historia da cidade, máis alá do uso administrativo que hoxe en día se lle outorga como Concello, Consello da Cultura Galega e Goberno da Xunta de Galicia.
Complexo Psiquiátrico de Conxo
Abrimos un espazo singular, histórico e artístico cheo de elementos narrativos de grande poder e beleza. Unha finca enorme, un claustro románico abraiante, unha escaleira de mármore descoñecida e un cemiterio no que se afunden historias esquecidas.
Colexio dos Irlandeses – Pazo de Ramirás
Última oportunidade para visitar un lugar que garda decenas de usos e no que a Historia cobra o seu verdadeiro nome: Escaleira pétrea, xardín interior, salas ocultas e testemuña da memoria dos irlandeses na cidade.
Cemiterio Municipal de Boisaca
Propoñemos unha visita na que imos deixar que sexa o propio espazo o que se descubra aos nosos sentidos, contrastando as nosas percepcións e tratando de ir alén do perceptible en primeira instancia, reflexionando sobre a complexa relación entre a materialidade, a historia, a memoria e a vida social nos espazos públicos.