Pontevedra 2025

Convento de San Francisco

Conta a tradición que o propio San Francisco fundou este convento, que rapidamente se converteu no máis importante de Pontevedra, escollido como panteón polas principais familias nobres da Boa Vila. Unha igrexa gótica maxestosa, o sartego do escritor e navegante Paio Gómez Chariño, un claustro magnífi co e outras sorpresas son só algúns dos tesouros que agocha este cenobio.

Parador de Pontevedra

A Casa do Barón acolle o primeiro Parador impulsado en Galicia. Foi residencia dos Condes de Maceda na cidade, e leva as súas orixes ao século XVI. Antes de ser hotel, deulle tempo a ser moitas outras cousas: depósito de sal, parque de bomberos, orfanato, escola e oficina de correos. Preparado/a para coñecer as aventuras vividas neste pazo?

Café Moderno Afundación Pontevedra

O Café Moderno, hoxe tamén sede da Obra Social ABANCA, constituíu un dos epicentros culturais vital na Pontevedra da primeira metade do século XX. Foi o lugar de encontro de galeguistas ilustres como Bóveda ou Castelao, e de pintores da talla de Carlos Sobrino ou Laxeiro. A exemplar restauración de Álvaro Siza logrou conservar intacto o espírito Art Nouveau do seu interior.

Farmacia J.L. Domínguez
Imprenta Peón

Coñecemos a historia viva de dous dos negocios máis antigos de Pontevedra. Fundados a finais do século XIX, son un reflexo do puxante sector comercial da cidade. A Imprenta Peón, que pechou as súas portas en 2024, aínda garda na súa maquinaria a memoria impresa de Pontevedra.
Pola súa banda, a antiga farmacia Enrique Eiras Puig é un exemplo excepcional de como unha botica se mantivo intacta desde a súa inauguración en 1876.

Casa do Concello

A recentemente rehabilitada Casa do Concello é un dos símbolos arquitectónicos máis recoñecibles de Pontevedra. Erguida entre 1877 e 1890 por Alejandro Rodríguez Sesmero, o edificio evoca un singular aire parisino, incorporando materiais construtivos do século XIX: o ferro e o cristal, especialmente visibles no impresionante lucernario do patio central.

Igrexa de san Bartolomeu

Antes de ser parroquia, esta era a igrexa do Colexio da Compañía de Xesús, que hoxe fai parte do Museo de Pontevedra. Un templo de espírito italiano, ao xeito da do “Gesú” de Roma, que conserva un importante legado artístico. Algunhas pezas non están expostas, pero poderemos velas nesta visita especial.