Ferrol 2026 II

CONCATEDRAL DE SAN XIAO

O templo deseñado polos enxeñeiros Julián Sánchez Bort e Antonio Bada y Navajas, nace co proxecto urbanístico da Ilustración. A Semana do Patrimonio Invisible permitiu por primeira vez subir ás dúas torres da concatedral para admirar as magníficas vistas entre o barrio da Magdalena e o Arsenal.

EL CORREO GALLEGO

Abrimos as portas desta xoia arquitectónica, recentemente adquirida polo Concello de Ferrol. O edificio, antiga sede de El Correo Gallego, destaca pola súa elegancia e orixinalidade. Un espazo imprescindible para descubrir o legado do arquitecto Rodolfo Ucha que transformou o Barrio da Magdalena nun referente do modernismo en Galicia.

ARSENAL – SALA DE ARMAS

A sala de Armas, no Arsenal de Ferrol, é un dos lugares máis impresionantes da arquitectura ilustrada na cidade. Deixámonos sorprender pola súa escaleira e os seus patios, e entramos no antigo despacho do comandante.

faro do cabo prior

O faro do Cabo Prior leva en funcionamento dende o ano 1854. A súa luz e sereas guían dende entón aos mariñeiros que navegan a Costa Ártabra, mais tamén conserva no seu interior historias e relatos de todos aqueles que viviron neste edificio situado nunha paisaxe impoñente.    

COLEXIO COMPAÑÍA DE MARÍA

Desde 1889, foi un dos primeiros centros dedicados ao ensino feminino no Barrio da Magdalena. De impoñentes dimensións acolleu a monxas, alumnas internas e tamén presas no período no que se utilizou como cárcere de mulleres. Descubrimos a historia deste edificio con detalles modernistas e de arquitectura neogótica.

BALUARTE DO INFANTE – AIMNOR

O Baluarte do Infante foi un dos puntos defensivos da muralla da cidade de Ferrol, posteriormente pasou a ser o cuartel de artillería e a día de hoxe acolle os fondos do Arquivo Intermedio Militar do Noroeste.

IGREXA DA NOSA SEÑORA DAS DORES

O sobrio templo da praza de Amboaxe precisaba unha ampla reforma, e así se fixo nos últimos anos. Coñecemos o resultado da súa rehabilitación, descubrindo todos os seus recunchos, e mesmo subindo ás torres das campás para ter unha fermosa perspectiva do barrio da Magdalena.

CASA ANTÓN

Unha das obras referentes de Rofolfo Ucha na cidade e que combina elementos modernistas con outros propios do neoeclecticismo. Foi construída como vivenda unifamiliar para o que fora alcalde de Ferrol Emilio Antón Iboleón, e hoxe é parte do Colexio Jesús Maestro

CASA DO CONCELLO

O Palacio Municipal abre as súas portas  para permitirnos coñecer o seu interior, os salóns nobres, a súa colección de arte e os espazos nos que se decide a vida política da cidade. Como novidade este ano accedemos ao alto da torre do reloxo.

VISITA SECRETA

O ciclo fechouse por primeira vez cunha visita secreta, onde o público non sabía que se ía visitar. A farmacia de Amboaxe, das máis antigas de Galicia en activo, e a capela da Mercé foron as sorpresas, ademais de concluír coas magníficas vistas desde os balcóns Art Déco do colexio Tirso de Molina. Dúas obras de Rodolfo Ucha cos que concluímos unha intensa semana descubrindo o patrimonio non visitable da cidade.